Suxeitos de propiedade intelectual

Cómpre distinguir entre os suxeitos dos dereitos de autor e os suxeitos dos outros dereitos de propiedade intelectual (coñecidos tamén como dereitos afíns, conexos ou veciños):

Suxeitos dos dereitos de autor:

Considérase autor á persoa natural que crea algunha obra literaria, artística ou científica. Son obxecto de propiedade intelectual todas as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas por calquera medio ou soporte, tanxible ou intanxible, actualmente coñecido ou que se invente no futuro. A propiedade intelectual dunha obra literaria, artística ou científica corresponde ao autor polo só feito da súa creación.

A condición de autor ten un carácter irrenunciable; non se pode transmitir "inter vivos" nin "mortis causa", non se extingue co transcurso do tempo así como tampouco entra no dominio público nin é susceptible de prescrición.

Suxeitos dos outros dereitos de propiedade intelectual:

  • Artistas intérpretes ou executantes. Enténdese por tal á persoa que represente, cante, lea, recite ou interprete en calquera forma unha obra. A esta figura asimílase a de director de escena e de orquestra.
  • Produtores de fonogramas. Persoa natural ou xurídica baixo cuxa iniciativa e responsabilidade se realiza por primeira vez a fixación exclusivamente sonora da execución dunha obra ou doutros sons.
  • Produtores de gravacións audiovisuais. Persoa natural ou xurídica que ten a iniciativa e asume a responsabilidade da gravación audiovisual.
  • Entidades de radiodifusión. Persoas xurídicas baixo cuxa responsabilidade organizativa e económica se difunden emisións ou transmisións.
  • Creadores de meras fotografías. Persoa que realice unha fotografía ou outra reprodución obtida por procedemento análogo a aquela, cando nin unha nin outra teñan o carácter de obras protexidas no Libro I da Lei de Propiedade Intelectual.
  • Protección de determinadas producións editoriais. Fai referencia ás obras inéditas en dominio público e a determinadas obras non protexidas polas disposicións do Libro I do TRLPI.
Subir