Volver

Instituto do Patrimonio Cultural de España

O Instituto do Patrimonio Cultural de España, antes Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais, foi creado en 1985 debido a dous motivos fundamentais: a adhesión de España a outros países a través de tratados, convencións e outros mecanismos administrativos relativos ao Patrimonio Cultural e a necesidade de cohesionar nun só Centro Estatal todos os Organismos que funcionaban ata esa data. Deste xeito garantíase unha unidade de criterios básicos no campo da conservación e restauración de bens culturais.

Funcións

  • A elaboración e execución dos Plans para a conservación e restauración dos bens inmobles do Patrimonio Histórico, sen prexuízo das funcións atribuídas á Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura, así como a cooperación con outras Administracións públicas e entidades públicas ou privadas para o desenvolvemento dos devanditos plans e o seu seguimento.
  • A elaboración e execución dos Plans para a conservación e restauración dos bens mobles do Patrimonio Histórico, así como dos fondos que constitúen o patrimonio documental e bibliográfico e a cooperación con outras Administracións públicas e entidades públicas ou privadas para o desenvolvemento dos devanditos plans e o seu seguimento.
  • A promoción e fomento dos proxectos de investigación arqueolóxica española no exterior.
  • O arquivo e tratamento técnico e difusión da documentación dispoñible acerca do Patrimonio Histórico Español e da referida aos proxectos, intervencións e traballos realizados sobre ese patrimonio; a investigación e estudo sobre criterios, métodos e técnicas para a súa conservación e restauración, así como a formación de técnicos e especialistas en conservación e restauración dos bens inmobles e mobles integrantes do devandito patrimonio.

Organización

O Instituto do Patrimonio Cultural de España estrutúrase organicamente en cinco Servizos, para levar a cabo as funcións que ten encomendadas:

Monumentos. A súa misión é a elaboración e execución de plans para a conservación e restauración de bens inmobles.

Encárgase de:

  • a conservación e restauración de edificios e conxuntos urbanos a través de operacións de consolidación, reparación e mantemento;
  • a escavación, investigación e estudo de depósitos arqueolóxicos, conservación de materiais e difusión dos resultados;
  • a investigación e documentación etnográfica.

Libros e Documentos. Centra a súa actividade na conservación do patrimonio documental e bibliográfico mediante a recomendación das oportunas medidas preventivas e a restauración de manuscritos, impresos, encadernacións, gravados, debuxos, materiais fotográficos, etc.

Bens Mobles. Elabora e executa os plans para a conservación e restauración dos obxectos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos que constitúen o noso Patrimonio Histórico e asesora tecnicamente a outros centros.

Documentación.

  • Arquiva, procesa e difunde a documentación dispoñible sobre o Patrimonio Histórico Artístico así como a referida a proxectos, intervencións e traballos realizados en relación con ese patrimonio.
  • Leva a cabo o plan de publicacións do Instituto do Patrimonio Cultural de España relativo tanto á actividade profesional do centro como á investigación sobre métodos e técnicas de conservación e restauración.

Laboratorios. Contribúen, dende aspectos científicos e técnicos, á conservación e restauración de bens culturais. Os eidos de actuación abranguen o estudo material da obra, estado de conservación e técnicas e factores que melloran a súa preservación.

Subir