Volver

Cooperación nacional. Industrias Culturais

Federación Española de Municipios e Provincias

O Ministerio de Cultura asinou coa FEMP convenios de colaboración durante os anos 2005 a 2009 para a implantación dun Sistema de Indicadores Culturais.

O Ministerio de Cultura e a FEMP poñen en marcha un Estudo para a creación dun Sistema de Indicadores de avaliación das políticas culturais na Administración Local. Trátase dunha experiencia pioneira a nivel internacional que servirá de guía práctica para a formulación de políticas culturais no ámbito local.

A iniciativa deste proxecto partiu da FEMP e contou co apoio do Ministerio de Cultura dende o ano 2005. Ambas as dúas partes consideraron a necesidade de orientar as políticas culturais locais cara aos principios recollidos na Axenda 21 da cultura, así como a implantación de sistemas de información e procesos de planificación estratéxica na aplicación da política cultural por parte da Administración Pública. Dende 2005 asináronse anualmente convenios de colaboración para a súa posta en marcha.

A Comisión de Cultura da FEMP asumiu como prioridade a vertebración dos observatorios culturais, centros de estudos e recursos culturais, laboratorios e todos os centros de observación, elaboración de información cultural e avaliación que existen no noso país, creados por Concellos e Deputacións.

Un Grupo de Traballo, creado por esta Comisión da FEMP, formulou a construción dun sistema de indicadores, baseándose na Axenda 21 da Cultura e, en concreto, no seu artigo 25, que propón, “promover a implantación de formas de avaliación do impacto cultural para considerar, con carácter preceptivo, as iniciativas públicas ou privadas que impliquen cambios significativos na vida cultural das cidades.” A Axenda 21 da cultura pretende contribuír a responder aos retos do desenvolvemento cultural do século XXI, a semellanza do proceso de concienciación e compromiso que se veu desenvolvendo dende finais do século pasado respecto ao medio ambiente.

Os traballos realizados por este Grupo dende o ano 2005, co apoio en todo momento do Ministerio de Cultura e a FEMP, fixeron posible o deseño deste sistema de indicadores, que se presenta como unha ferramenta de autoavaliación orientada á calidade e a mellora continua; tamén como fórmula para mellorar e robustecer os sistemas de información cultural local. Metodoloxicamente, está pensado para converterse nun sistema de implantación progresiva e gradual.

O Presidente da Comisión de Cultura da FEMP e o Director Xeral de Políticas e Industrias Culturais do Ministerio de Cultura fixeron público en decembro de 2008 na sede da FEMP o Sistema de Indicadores, inspirado na Axenda 21 da Cultura, que nace coa pretensión de converterse nunha guía práctica de orientación para a formulación das políticas culturais locais. Asistiron ao acto membros do Grupo de Traballo que construíu o devandito Sistema e representantes das Corporacións Locais presentes no Grupo de Traballo designado pola Comisión de Cultura da FEMP para organizar a colaboración dos Observatorios e Laboratorios Culturais existentes en España.

O día 2 de abril de 2009 o Director Xeral de Política e Industrias Culturais e o Presidente da Comisión de Cultura da FEMP presentaron na sede do Ministerio de Cultura a Guía para a planificación das políticas culturais locais, ferramenta para avaliación de políticas culturais baseándose en criterios de oportunidade e rendibilidade social.

Dirixida a políticos e técnicos da administración local responsables da toma de decisións en materia de cultura, a Guía permite a través de 316 indicadores (cualitativos e cuantitativos) a avaliación e planificación de políticas culturais e aborda ámbitos de actuación como Cultura e desenvolvemento económico, social e territorial; Transversalidade das políticas culturais; Cultura e participación cidadá; Accesibilidade da oferta cultural e Papel e as iniciativas relacionadas coa memoria e a innovación na construción da identidade local.

Os concellos e, en xeral, as entidades locais, dispoñen a partir de agora dun sistema de indicadores que lles permitirá avaliar a súa política cultural e, ademais, desenvolvela con mellores criterios de oportunidade, calidade e rendibilidade social.

O desenvolvemento completo deste documento atópase dispoñible na web da FEMP, cuxa ligazón atopan a continuación. Salto de línea

Subir

Esta web utiliza cookies propias para facilitar la navegación y cookies de terceros para obtener estadísticas de uso y satisfacción.

Puede obtener más información en el apartado "Cookies" de nuestro aviso legal.

AceptarRechazar