Volver

Fundación Instituto de Cultura Xitana

Fundación Instituto de Cultura Xitana

Con esta iniciativa, o Ministerio de Cultura promove por primeira vez o recoñecemento da cultura xitana e da súa achega ao acervo cultural de todos os españois.

O pasado día 31 de maio celebrouse, na sede do Ministerio de Cultura e baixo presidencia da Ministra, a reunión constitutiva do Padroado da Fundación Instituto de Cultura Xitana.

Esta entidade do sector público estatal, cuxa creación foi autorizada polo Consello de Ministros o pasado 9 de marzo, ten os seguintes fins:

  • A proposición de accións dirixidas a lograr a convivencia harmónica entre os distintos grupos e culturas que conforman a nosa sociedade.
  • O desenvolvemento e promoción da cultura e da lingua xitanas en todas as súas manifestacións.
  • O establecemento de mecanismos e estratexias que contribúan eficazmente á preservación e o desenvolvemento do acervo cultural da comunidade xitana.

A Fundación, vinculada ao Ministerio de Cultura, conta así mesmo coa participación dos Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, Administracións Públicas, Asuntos Exteriores e de Cooperación, e Educación e Ciencia; así como das Comunidades Autónomas que decidan formar parte da Fundación, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Consello Estatal do Pobo Xitano, representado polo seu vicepresidente segundo.

Forman tamén parte da Fundación, en calidade de Patróns electos, tres representantes elixidos entre entidades e grupos da sociedade civil de ámbito cultural e entre profesionais cualificados recoñecidos polos seus coñecementos e experiencia relacionados cos temas xitanos.

Na súa reunión constitutiva o Padroado da Fundación acordou o nomeamento de D. Diego Fernández Jiménez como Director do Instituto de Cultura Xitana.

Así mesmo, adoptáronse acordos relativos ao nomeamento de D. Juan de Dios Ramírez Heredia- Patrón electo- como Vicepresidente do Padroado, a designación dun Comité Delegado do Padroado composto por cinco membros, e a aprobación dun Plan de Actuación da Fundación para o exercicio 2007.

Coa constitución da Fundación Instituto de Cultura Xitana, o Goberno de España dá cumprimento á proposición non de lei aprobada polo Congreso dos Deputados, por unanimidade, o 27 de setembro de 2005 e pola que instaba o Goberno a promover a cultura, a historia, a identidade e a lingua do pobo xitano.

A Fundación Instituto de Cultura Xitana é a primeira entidade que, dende o sector público estatal e no ámbito específico da cultura, nace coa vocación de recoñecer e prestixiar a achega da cultura xitana ao conxunto da cultura española.

A Fundación Instituto de Cultura Xitana terá a súa sede en Madrid.

Subir