Multilingüismo en España: pasado e presente

O noso país é, e sempre foi, plurilingüe. Antes da chegada dos romanos, a Península Ibérica estaba habitada por pobos de diversa orixe con linguas de diferente natureza, comunmente coñecidas como linguas paleohispánicas, que son cinco: o celtíbero, o lusitano, o ibérico, o vasco e o tartésico. Ademais, dende moi pronto, houbo asentamentos de gregos e fenopúnicos, cuxos idiomas influíron nas linguas autóctonas.

Con todo, no curso da segunda guerra púnica (218 a. C), chegaron os primeiros soldados romanos e con eles o latín. Dende ese momento iníciase un longo proceso (coñecido como romanización ou latinización) no que o latín pasa dun estado de convivencia coas linguas vernáculas a imporse sobre elas e desempeñar un papel hexemónico, de xeito que se convirte na lingua materna de todos os peninsulares (a excepción do vasco). Doutra banda, a chegada dos pobos bárbaros tamén influíu no latín hispánico, aínda que de maneira moi leve.

Coa chegada dos musulmáns á Península, o latín de Hispania deu paso ao latín vulgar, unha lingua coloquial e desprovista de normalización que conviviu nun longo período de bilingüismo co árabe. É nese momento cando, dende o s. VIII ata aproximadamente o s. XIII, do latín vulgar empezan a xurdir e desenvolverse as linguas romances como consecuencia da variabilidade xeográfica e, sobre todo, pola transmisión predominantemente oral da época. Esas linguas romances son o galegoportugués, o leonés, o castelán, o navarroaragonés e o catalán. Así mesmo, hai que apuntar a pervivencia do vasco e a existencia do mozárabe, unha lingua romance empregada polos cristiáns que vivían en territorio musulmán.

Durante a conquista cristiá, as linguas do norte foron expandíndose a medida que os reinos ocuparon territorios cara ao sur. Na Coroa de Castela, o castelán foi reducindo e desprazando a outros romances, como o leonés, e dende o reinado dos Reis Católicos, tamén ao galego na comunicación escrita. A nivel oral, as outras linguas (como o vasco, o catalán ou o galego) seguiron desenvolvéndose, aínda que coas políticas centralizadoras dos Borbóns conviviron co castelán nunha situación de diglosia.

Ao abeiro da corrente romántica do s. XIX, apareceu un movemento de renacemento lingüístico que pretendía recuperar as linguas e elevalas a nivel de lingua de cultura a través do seu uso literario, especialmente en Cataluña, Galicia e Euskadi. Actualmente, e tras unha etapa de persecución e represión pola ditadura franquista, a Constitución de 1978 recoñeceu a pluralidade lingüística e estableceu que as linguas españolas diferentes ao castelán podían ser oficiais de acordo cos estatutos de autonomía.

Subir