O Camiño Lebaniego, declarado Patrimonio Mundial en xullo de 2015, é un ramal do Camiño da Costa que xurdiu co obxecto de venerar os restos de Santo Toribio, bispo de Astorga, e as reliquias do Lignum Crucis (o maior fragmento conservado da Cruz de Cristo recoñecido pola igrexa) traídas polo propio santo dende Xerusalén. Ambos os dous obxectos de culto e devoción foron trasladados tras a invasión musulmá ao mosteiro de San Martín de Turieno (hoxe Santo Toribio de Liébana) para a súa protección e custodia. O cenobio, erixido a escasos quilómetros da localidade de Potes, é un dos primeiros mosteiros de Cantabria dos que existe constancia documental, xa no século VIII. O Lignum Crucis motivaba, dende tempo inmemorial, a afluencia de numerosos peregrinos atraídos polas supostas curacións mentais que producía e que encontramos narradas por sucesivos cronistas, ata o punto de que o mosteiro se chegou a coñecer como a pequena Xerusalén.
A rexión de Liébana foi a finais do século VIII un dos enclaves culturais máis paradigmáticos do reino de Asturias, berce de Beato de Liébana, o monxe ao que se atribúe o himno "O Dei Verbum" no que figura unha das primeiras mencións ao Apóstolo Santiago como patrón celestial de España. Este destacadísimo intelectual, que mantivo estreitos contactos cos círculos culturais da corte carolinxia é, ademais, o autor dos famosos Comentarios ao Apocalipse, unha das obras máis influentes da Idade Media europea. Á súa vez, de Liébana procedía o monxe Sisnando, que foi elevado por Afonso III ao bispado de Iria a finais do século IX, o que lle permitiu contribuír dende ese posto a potenciar o culto xacobeo.
O mosteiro de Santo Toribio é, xunto con Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela, un dos catro lugares xubilares do cristianismo, aos que se engadiu recentemente Caravaca de la Cruz.
O Ano Santo Xubilar Lebaniego celébrase cando coincide en domingo a festividade de Santo Toribio (16 de abril). Ábrese entón a porta do Perdón que traspasan os peregrinos para gañar o Xubileu e obter a esperada indulxencia plenaria.