O Camiño da Costa, declarado Patrimonio Mundial en xullo de 2015, é unha das rutas xacobeas de peregrinación máis antigas, xa que orixinariamente foi a través deste camiño por onde se expandiu o culto a Santiago no século IX. Esta expansión non só tivo o mar como elemento chave, polo desenvolvemento do comercio marítimo, senón que ademais recuperou para os peregrinos os vellos camiños de época romana e altomedieval próximos á costa. Existen referencias documentais que testemuñan a existencia do Camiño nos séculos IX e X. Ademais, nos séculos XII e XIII consta que chegaron numerosos peregrinos a portos coma os de Castro Urdiales, Laredo, Santander ou San Vicente de la Barquera.
Trátase dun camiño difícil polas irregularidades orográficas, pero dunha especial riqueza paisaxística. Está sucado por unha sucesión de altiplanicies quebradas, por serras prelitorais, brazos de mar e angostos vales costeiros, o que obrigaba o peregrino noutros tempos a realizar a ruta de maneira mixta por terra e por mar, recorrendo mesmo á navegación de cabotaxe.