Columna derecha
Ud está aquí:
  1. Presentación
  2. Camiño de Santiago

Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, Pórtico da Gloria ©Archivo Xacobeo, Xunta de Galicia.

As peregrinacións a Santiago de Compostela, iniciadas no século IX co descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago o Maior, trazaron durante séculos as sendas que conflúen en Santiago, encontro final de todas as rutas xacobeas.

Ningunha peregrinación alcanzou a marcar tan intensamente o seu camiño como a de Compostela. Dende o relato atribuído a Aymeric Picaud no século XII, recollido no libro V do Códice Calixtino que describe a súa viaxe polo Camiño Francés con todo luxo de detalles, as crónicas de peregrinación deixaron constancia dos camiños históricos a Santiago de Compostela.

Os camiños históricos de Santiago foron no pasado unha das vías de comunicación máis influentes e recoñecidas de Europa. Constituíron un tramado de eixes transeuropeos para a difusión da nosa cultura común, que lograron transformar as pautas da vida social e económica de amplas rexións do norte de España e impulsaron a aparición de cidades e vilas cunha forte implantación gremial, poboacional e económica. Conformáronse como unha incesante fonte de transmisión de cultura e tradicións, o que permitiu a entrada de novos estilos provenientes doutros países que se reflicten nas numerosas igrexas, catedrais e construcións civís que van marcando o camiño.

Ademais do seu valor espiritual, o Camiño de Santiago é, dende o punto de vista do seu patrimonio material e inmaterial, un dos bens culturais máis importantes de España. De feito, no Camiño, pódense visitar ata nove espazos declarados Patrimonio da Humanidade. O Camiño Francés e os Camiños do Norte Peninsular tamén son Patrimonio Mundial dende 1993 e xullo de 2015, respectivamente. Os Camiños do Norte Peninsular, declarados Patrimonio Mundial no Comité que tivo lugar en Bonn entre o 28 de xuño e o 8 de xullo de 2015, completan, ao remitir ás súas orixes, o fenómeno xacobeo representado no Camiño Francés. As súas catro rutas, o Camiño Primitivo, da Costa, Interior Vasco-Rioxano e Lebaniego, son as máis destacadas de cantas existiron no norte de España vinculadas aos momentos iniciais da historia xacobea.

Os camiños históricos que se recollen nestas páxinas foron declarados conxunto histórico-artístico no ano 1962 e lograron múltiples recoñecementos internacionais entre os que salienta a súa declaración como Primeiro Itinerario Cultural Europeo no ano 1987 polo Consello de Europa, que en 2004 tamén lle concedeu a categoría Gran Itinerario Cultural Europeo.

O Camiño de Santiago recibiu o premio Príncipe de Asturias da Concordia 2004 por ser “un lugar de peregrinación e de encontro entre persoas e pobos que, a través dos séculos, se converteu en símbolo de fraternidade e estruturador da conciencia europea”. Non en van, o Camiño como vía cultural, como ruta artística, como calzada histórica ou como sendeiro para deportistas e turistas, foi a “gran avenida cultural europea de todos os tempos”.

Subir

Esta web utiliza cookies propias para facilitar la navegación y cookies de terceros para obtener estadísticas de uso y satisfacción.

Puede obtener más información en el apartado "Cookies" de nuestro aviso legal.

AceptarRechazar