Actividades

Exposición "Luces de peregrinación", Xacobeo 2004.

Saliéntanse a continuación as principais actividades, que tiveron lugar con motivo da celebración do Ano Santo Xacobeo 2004:

Exposición "Luces de peregrinación"

A exposición "Luces de peregrinación" foi unha iniciativa da Xunta de Galicia na que colaboraron varias comunidades autónomas do Camiño de Santiago e o Ministerio de Cultura, a través da Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural.

O obxectivo desta exposición era poñer de manifesto a importancia que o Camiño de Santiago e a cidade de Compostela tiveron para a construción do que hoxe coñecemos como Europa. Así, unha parte importante do conxunto de obras expostas procedía de distintos obradoiros e mestres europeos e serviu para testemuñar que a devoción ao Apóstolo Santiago estivo sempre internacionalmente estendida.

Peregrinaje musical (Peregrinaxe musical)

"Peregrinaje musical" (Peregrinaxe musical), protagonizado polo director de orquestra Sir John Eliot Gardiner xunto co Coro Monteverdi, contou coa participación de varias comunidades autónomas.

Realizáronse concertos en Castela e León, que foi a comunidade promotora, Navarra, Aragón, A Rioxa, Asturias e Galicia, todos eles realizados en puntos emblemáticos do Camiño de Santiago.

Tañido de Campanas (O tanguer das campás)

Con motivo da celebración do primeiro ano xubilar do terceiro milenio, algunhas comunidades autónomas organizaron conxuntamente un acto de forte contido simbólico que consistiu en tanguer simultaneamente as campás de todas as igrexas situadas no Camiño de Santiago o día 1 de xaneiro ás 12 horas. Con esta actividade inaugural do novo ano santo, quíxose poñer de relevo o carácter unificador e integrador que ten o Camiño de Santiago.

Apertura de monumentos

Esta actividade realizouse o 25 de xullo, día do Apóstolo Santiago, e consistiu na apertura ininterrompida de todos os monumentos singulares que conforman o Camiño de Santiago durante 24 horas.

Exposición "Sentimientos del Camino" (Sentimentos do Camiño)

Esta exposición ofrecía, dende unha perspectiva contemporánea, a imaxe do Camiño de Santiago vinculada tanto á tradición como á modernidade. Presentaba mapas e gráficos explicativos, fotografías realizadas por artistas recoñecidos, documentais que recollían a pegada histórica e unha reportaxe da catedral románica de Santiago de Compostela, meta da peregrinación xacobea.

Traducida a distintos idiomas e a través da máis moderna tecnoloxía audiovisual, a mostra buscaba recrear o ambiente que se vivía no Camiño, ao tempo que ofrecía unha panorámica xeral do rico patrimonio histórico, artístico, natural e incluso festivo e gastronómico dos distintos puntos de Europa, España e Galicia, polos que este transita.

"Sentimentos do Camiño" púidose visitar nos Institutos Cervantes de Roma , París , Milán, Gotinga, Hanover, Bremen , Varsovia e Bruxelas .

Curso de verán sobre o Camiño de Santiago

No mes de xullo realizouse na Rioxa un curso de verán dirixido polo profesor José Luis Martín, catedrático de Historia Medieval da UNED, sobre os textos básicos que serviron de guía os peregrinos, os monarcas que fixeron posible a peregrinación, a arte e as pegadas deixadas na literatura medieval pola peregrinación xacobea, sen esquecer as atencións aos peregrinos.

O Camiño de Santiago e a comunicación

O encontro tivo lugar a finais do mes de maio en Santiago de Compostela. O seu obxectivo foi reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación, públicos e privados, no tratamento mediático do Camiño de Santiago e do Ano Santo 2004.

Foi organizado polo Ministerio de Cultura en colaboración coa Comisión Española de Cooperación coa UNESCO e coa Universidade de Santiago de Compostela.

Subir